Propósito, valores e visión de futuro

O noso propósito é a consecución da autonomía persoal e plena inclusión das persoas con cegueira ou outras discapacidades baixo o principio da igualdade de oportunidades. Facémolo creando un modelo garante e sostible, líder en economía social, que demostra cada día que a inclusión é rendible, económica e socialmente.

 

A esencia do Grupo radica nunha actitude

Queremos que persoas con discapacidade xeren das súas propias oportunidades como actores e non como meros espectadores.

Iguais é a idea forza do Grupo Social ONCE, coa que se identifica o seu propósito, a súa razón de ser  no seu día a día e a expresión que resume a actitude das persoas que o integran.

Iguais son as persoas con e sen discapacidade, que se fan iguais ao visibilizar que se poden ter as mesmas oportunidades no traballo, na escola, na rúa, na casa, cando viaxan, cando navegan por internet, cando utilizan servizos públicos, cando acceden á cultura, cando emprenden, cando deseñan e crean, cando practican deporte, cando fan tarefas rutineiras, cando se moven... iguais en oportunidades.

Esta esencia, levada ao propósito do que facemos, tráenos ata aquí, a estar presentes no día a día da sociedade, e levaranos ao futuro.

O obxectivo é construír un futuro moito máis xusto e responsable sen deixar a ninguén atrás, para que a discapacidade non constitúa por si mesma unha causa de discriminación. Se o logramos, calquera persoa, independentemente da súa condición, poderá ter as mesmas oportunidades en calquera ámbito da vida e acceder de maneira equitativa e xusta a un traballo, estudos ou servizos en igualdade de condicións.  Para logralo, o Grupo Social ONCE pon o acento en catro eixes fundamentais que son a formación, o emprego, o labor social e a accesibilidade.

Os valores que nos moven

O Grupo Social ONCE traslada a súa idea forza e actitude de marca mediante un conxunto de valores: transparencia, solidariedade, confidencialidade, equidade, compromiso, integridade, humildade, respecto, innovación, responsabilidade e sostibilidade.

Ademais, existen unha serie de atributos que permiten construír a identidade do Grupo. Isto reflíctese a través das cores de Oncelio, o isotipo e representación visual de todo o que é o Grupo Social ONCE.

Amarelo

É a esencia social. É o ADN do Grupo e o que marca a dirección e o propósito a cumprir. Esta cor permite seguir ao Grupo Social ONCE para ser, entre outras cousas, pioneiros na creación de políticas activas de sostibilidade social, e conecta ao resto de partes para que o Grupo Social ONCE sexa o que é hoxe en día.

Verde

Mostra o que é o Grupo Social ONCE: un proxecto sostible, sólido e comprometido co medio ambiente, así como duradeiro. Incide en todas as áreas ESG e axuda a outros a facelo. Esta perna é a que fixo arrancar o camiño do Grupo Social ONCE, a través da súa área social, hai xa 85 anos.

Vermello

É o reflexo da responsabilidade, do compromiso co contorno no que operamos e coa diversidade de persoas con discapacidade e sen ela, porque esa é a verdadeira inclusión social. É a solidariedade con outras discapacidades o que permite que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades.

Azul

A profesionalidade e a competitividade. Amosa o talento necesario para facer avanzar ás empresas sociais, construíndo unha sociedade máis xusta. Non é só importante a xeración de emprego e fomentar a cualificación profesional, senón que estes sexan sostibles, tanto económica como socialmente.

Branco

Representa a innovación social, a superación e a mellora constante. A innovación para o Grupo Social ONCE supón non deixar de superar obstáculos, adecuar contornos e pensar en como concienciar a outros para lograr a accesibilidade universal. Tamén representa a identidade do Grupo para afrontar novos desafíos con equilibrio e pasos firmes.